viernes, 14 de mayo de 2021

Do Ebro ao Xallas

A casa estaba onde a deixara, pero non semellaba a mesma, cos vidros rotos das xanelas e a ausente porta. Figurouse que por dentro sería aínda peor.

Andou cara a horta, agora cuberta de xestas e fentos. Rebuscou con atención e conseguiu atopar, debaixo duns chamizos, a enferruxada pa dun legón.

Axeonllouse e cavou un pequeno foxo na dura terra. Cando achou que tiña a fondura axeitada, meteu a man no peto dos pantalóns e sacou unha abolada medalla e dous dentes, caídos nunha batalla de nome esquecido. Botou todo na fochanca e tapouna con agarimo. 

Púxose en pé e espiuse completamente, facendo unha morea coas luídas pezas do seu uniforme. Colleu o vello chisqueiro que levaba colgado ao pescozo e prendeulle lume á rima, queimando roupa, piollos, sangue seco e tres anos de medo.

Ergueu a cabeza e sentiuse lixeiro coma nunca. Mirou a casa, a horta, o ceo gris e, ao lonxe, o eterno Xallas. 

"Estou de volta", pensou.